Segundos pactos da Moncloa. Salvar ó capital?

2020-06-03T09:43:46+02:009 de abril, 2020|Actualidade|

O anuncio por parte do Presidente do Goberno da necesidade de impulsar uns novos «Pactos da Moncloa», no medio dunha crise económica sen precedentes cuxo detonante foi a pandemia do Coronavirus, supón un novo intento de reflotar o proxecto do capitalismo monopolista no Estado español, que dende hai un tempo daba mostras de estar a se rachar.

O armazón de 1978 comezou a dar mostras de perda de lexitimación por mor da última crise capitalista de 2008, revelando ós ollos da clase traballadora e demais sectores populares como nos tocaba pagar a fondo perdido o rescate das entidades financeiras. Mentres tanto acometíase a deterioración das nosas condicións de vida, tanto a nivel laboral (maior precariedade, salarios miserables, etc.), como no social (desafiuzamentos, deterioración do público como a educación e a sanidade, etc.). Malia que durante os últimos anos os poderes oligárquicos falaban de recuperación e crecemento, a vida de millóns de persoas quedou cronicamente instalada na pura supervivencia, incluíndo vidas miserábeis con traballos que non permite ningún tipo de estabilidade nin perspectivas de mellora.

No campo político, a cuestión nacional e sobre todo o proceso soberanista de Catalunya supuxo unha greta considerábel no sistema emanado da chamada Transición. Xunto a isto, os escándalos relacionados coas prácticas corruptas do Rei emérito e os seus familiares deslexitimaron notablemente a propia institución monárquica, malia que os propagandistas do réxime se esmeraran durante décadas en apontoala e defendela, sendo probablemente esta o símbolo mais relevante da continuidade do réxime tras a morte do ditador.

A crise sanitaria do covid 19 puxo de manifesto, por empezar polo máis evidente, que quen permitiu, e non digamos defendeu, o desmantelamento da sanidade pública en beneficio da privada son responsábeis da morte de varios miles de persoas. Miles de persoas que moi probablemente seguirían vivas se contásemos cun sistema sanitario ben dotado de medios materiais e humanos para atender unha ameaza desta natureza. A comparación coa mortalidade moito menor noutros Estados debería facernos pensar.

Pero tamén revelou que a tantas veces eloxiada Unión Europea non é máis que o que é: un club de oligarcas e mercadores, que fan oídos xordos ós chamamentos de axuda dos socios do sur, tal como ocorreu hai uns anos con Grecia. O mesmo cabe dicir da petición de auxilio á OTAN (que non está para iso, evidentemente, senón para destruír a soberanía dos pobos), que tamén caeu en saco roto.

Neste contexto e en pleno confinamento lánzase a idea duns novos Pactos da Moncloa que non é senón a reformulación desa «Segunda Transición» da que o Poder leva falando xa un tempo, para salvar o sistema da súa descomposición. Convén lembrar que os Pactos da Moncloa da Transición supuxeron no político a consolidación da monarquía herdeira do fascismo, sendo o monarca o xefe do exercito, así como a impunidade dos criminais franquistas e a negación do dereito á autodeterminación das nacións oprimidas. No económico, a continuidade dun poder financeiro e empresarial alimentada con mimo por e durante a ditadura. E, no social, que a clase traballadora perdese unha parte substancial dos seus salarios de entón en aras dun desenvolvemento económico que favoreceu sobre todo ós oligarcas de sempre, todo iso coa inestimábel colaboración necesaria das cúpulas dos sindicatos maioritarios.

Os Pactos da Moncloa á súa vez sementaron as bases para a Constitución e o novo mito fundacional español da Transición, definindo ademais un modelo territorial de Estado. E é que uns Novos Pactos da Moncloa son unha forma de revalidar o proxecto nacional español sen alterar as bases da Constitución e sen necesidade de implicar ás masas nun proceso constituínte. O terceiro do PSOE, o ministro Ábalos, dixo que os Pactos suporían «un proxecto de reconstrución nacional para lanzar adiante a España». O aspecto nacional destes Novos Pactos tamén se fai explícito cando se pretende deixar fóra ós partidos independentistas cataláns como o propio Ábalos xa deixou caer. Polo seu lado o independentismo máis servil aínda que cunha man levanta o puño contra o centralismo, tende a outra man para pactar o rescate da economía. O líder do PP Pablo Casado pola súa banda deixou claro que ten que ser un proceso fundamentalmente Parlamentario aínda que haxa axentes sociais que participen. Novamente enfrontámonos a unha reconfiguración nacional sen proceso constituínte porque na historia do Estado español, as Constitucións son a arma arroxadiza das elites para reprimir as aspiracións máis elevadas das masas.

As elites do Estado queren adiantar estes procesos de reconfiguración sistemática á desesperación da xente, antes de que comecen os disturbios e os problemas sociais máis fortes como en Italia. Non esquezamos que os anos dos Pactos foron anos durísimos de mobilización social e represión pero que souberon ser canalizados polo reformismo cara a compromisos de estabilización económica e de «paz social». O contraste co que nos atopamos fronte ós Novos Pactos é que a correlación de forzas é aínda peor para unha clase traballadora desmobilizada e un sindicalismo estéril e cada vez máis minoritario. Hoxe nin sequera temos esas mínimas ferramentas de loita e resistencia. A isto hai que sumar tanto onte como hoxe a colaboración constante das forzas da «esquerda» cos compromisos históricos coa oligarquía para saír de salvavidas do sistema. Na nosa historia a esquerda foi a máis responsábel e comprometida xestora das crises da patronal. Non esquezamos que foi o PSOE o auténtico partido da oligarquía sendo a única forza política capaz de levar a cabo os grandes cambios estruturais que precisaban os monopolios nacionais. Do mesmo xeito que entón os Pactos serven para cambiar o verniz político-social para manter estruturas económicas en crises (entón tamén crise económica pola inflación). Os Pactos obrigaron ós traballadores a cargar o peso económico da crise a cambio de rematar superficialmente coas estruturas de goberno franquistas, estruturas que tamén eran un estorbo para o salto económico dos monopolios nacionais. Novamente en momentos de shock a oligarquía chega a consensos para sobrevivir á conta da clase obreira que ten que pagar os pratos rotos e debe sentirse agradecida porque a deixen seguir existindo. A pregunta é, cara a que destino nos dirixen os Novos Pactos? O máis probábel é que se continúe coa homologación do sistema con centro-europa e dar un paso á fronte no modelo de austeridade Alemán.

Agora, para sacar adiante este proceso, vaise apelar á unidade nacional fronte ó virus. A suposta unidade abstracta que produce o virus e a corentena e que, con todo, non pasa do anecdótico xa que, nin en condicións normais nin baixo o confinamento, a nosa realidade, as nosas problemáticas e prioridades, son iguais á da burguesía. E tamén é probábel que esgriman contra nós unha palabra fermosa como é a solidariedade para abrazar unha falsa unidade de intereses e destino nacida para soster á oligarquía en quebra. O máis probábel é que se nos chame á solidariedade nacional cos nosos empresarios e banqueiros, que perderon beneficios os pobreciños cando non puidemos traballarlles con normalidade. Nestes tempos o Poder revelou unha gran capacidade de apropiarse das nosas palabras, desvirtuando o seu concepto. Solidariedade é o que amosan o noso persoal sanitario, as nosas limpadoras, coidadoras, traballadores do transporte, da alimentación, etc., arriscando a súa saúde para dar servizos, multiplicando recursos e enerxía para atender ás necesidades populares. A «solidariedade” da burguesía é puro cálculo económico, marxe de beneficio, lavados de cara e enxeñaría fiscal. As nosas vidas impórtanlles moi pouco ou nada; precísannos para que a maquinaria siga virando pero volvémonos prescindíbeis en canto volva abundar a man de obra.

Porque, se imos no mesmo barco, eles van en cuberta e nós de remeiras.

Debemos sacar como clase os ensinos deste período e mobilizarnos por construír unha sociedade sobre unhas bases máis sociais e humanas, onde a economía estea ó servizo do desenvolvemento do ser humano e non do beneficio empresarial. Temos que falar non só de reforzar o público (sanidade, educación, servizos sociais), senón tamén de expropiar e socializar a banca e empresas estratéxicas, saír da UE e a OTAN e suprimir unha estrutura tan anacrónica como corrupta como é a monarquía. Para iso faise preciso construír un referente que exprese e defenda as necesidades da nosa clase, capaz de organizar e facer valer a nosa forza, algo que nos tempos que estamos a vivir revélase máis que nunca como urxente.

Iniciativa Comunista

Ir a Arriba