O imperialismo contra a vida

2020-06-02T19:41:58+02:006 de abril, 2020|Actualidade|

Mesmo no escenario dunha crise mundial sen precedentes, nun marco de absoluta emerxencia sanitaria, de enormes tensións políticas no seo da UE e a OTAN, co groso da actividade económica paralizada nos grandes centros capitalistas, e perante a perspectiva dunha recesión brutal que xa se viña anticipando dende hai tempo —mesmo baixo estas circunstancias, a maquinaria do imperialismo non se detén.

A última fanfurriña do goberno estadounidense, baixo a bandeira dunha suposta “operación antidrogas” en América Latina, consistiu en mobilizar buques e aeronaves das Forzas Armadas para apostalos fronte ás augas de Venezuela. Só uns días antes, viamos xa como Washington se atrevía mesmo a por prezo á cabeza de Nicolás Maduro, acusándoo de “narcotráfico” e ofrecendo 15 millóns de dólares por información que puidese conducir á súa captura. Todo isto nun marco de brutais sancións económicas, de apelacións golpistas chamando a formar un “goberno de transición”, e de presións institucionais para tentar crebar a resistencia do pobo venezolano contra a inxerencia ianqui.

Podería pensarse que, cun preocupante número de casos de coronavirus, os EEUU afrouxarían a soga que anoan ó pescozo dos pobos que non se someten ós seus ditados. Pero, até o de agora, o colapso sanitario e os devastadores efectos do COVID-19 non fixeron máis que por ó descuberto as vergoñas dun sistema socio-económico organizado por e para o lucro dunha pequena minoría; dun sistema capaz de sacrificalo todo —incluso, nun sentido absolutamente literal, a vida mesma— en aras de espremer até a última pinga de beneficio posible. Por iso, nestes momentos críticos, Washington non só non levanta, senón que mesmo intensifica as súas criminais sancións contra Venezuela e Irán (un dos países máis afectados polo virus), mentres que se converte no gran foco mundial da pandemia e non toma sequera as medidas precisas para protexer á súa propia poboación.

As accións da oligarquía ianqui son, por tanto, un exemplo transparente do que significa o capitalismo na súa etapa imperialista; nesta fase parasitaria, corrupta e decadente dun sistema construído sobre a explotación e a violencia: os beneficios ante todo, por riba de calquera outra consideración.

No seu propio chan, comprobamos como o imperialismo militariza as rúas e desata o abuso das forzas represivas, resístese a interromper as actividades económicas non esenciais, a suspender o pago de alugueiros, a garantir a saúde e a subsistencia da clase obreira. De portas para fóra, asfixia economicamente a outros países, desprega tropas ignorando toda lexislación internacional, e continuará tentando sacar tallada por calquera medio posíbel do impacto que a crise do COVID-19 teña nos países máis debilitados (debilitados precisamente polo espolio imperialista ó que as grandes potencias occidentais os leva sometendo durante décadas).

Estas novas manobras contra Venezuela —que non son nin serán as únicas— responden non só á necesidade de distraer a atención das miserias do propio capitalismo estadounidense e de estreitar o cerco contra a República Bolivariana, senón, máis en xeral, ó lento pero inevitábel declive da hexemonía ianqui. Por iso, perante a presión crecente de certos actores internacionais cuxo avance pon en cuestión esta orde de cousas (especialmente China, que sairá fortalecida e moi referenciada pola súa xestión da epidemia), o aparello imperialista dos EEUU busca desesperadamente vías para afianzar a súa cada vez máis complicada posición económica e política. Vímolo hai tan só uns meses en Bolivia, coa execución dun golpe de estado “á vella usanza”; e seguímolo vendo agora, co enésimo intento de esmagar o proceso bolivariano (co inestimábel apoio da reacción rexional, sobre todo por parte de Bolsonaro e —que “ironía”!— o narco-goberno colombiano).

Mentres tanto, alén do Atlántico, o soño europeísta tamén pasa polas que quizá sexan as horas máis baixas da súa historia, cunha UE totalmente desprestixiada e repudiada polos seus pobos, e onde se practica sen andrómenas (unha vez máis) a sincera política do “sálvese quen poida”. As potencias centrais vacilan entre o interese económico inmediato e os danos a longo prazo que podería ocasionarlles unha ruptura coas potencias de segunda orde. Ó mesmo tempo, en lugar de mirar a

Europa, dende Lombardía solicitábase para loitar contra o virus a axuda de China, Cuba e Venezuela. A historia cóntase soa.

Agora mesmo non resulta sinxelo aventurar como e en que medida estamos a asistir a unha reconfiguración profunda do statu quo do capitalismo global (é dicir, do imperialismo). Non é sinxelo determinar o futuro de institucións supranacionais como a Unión Europea e a OTAN. E é máis difícil aínda anticipar concretamente os resultados deste proceso: as alianzas que romperán, as que xurdirán, quen se situará á súa cabeza. Debemos organizarnos e prepararnos para calquera escenario.

Pero si hai, polo menos, unha cousa clara: que o imperialismo morrerá matando. Que o modo de produción capitalista se resistirá e só desaparecerá como, en palabras de Marx, veu ó mundo: chorreando lodo e sangue. Así o demostran tanto a súa xestión da crise como a violencia que desprega tanto dentro como fóra das súas propias fronteiras. E mentres non exista unha alternativa revolucionaria, socialista, o futuro de todos estes interrogantes non o decidiremos nós, senón o capital. E o peso da crise e o reaxuste caerá, de novo, sobre as costas da clase obreira, de todas as oprimidas do mundo. É por iso que debemos, entón, tomar nas nosas mans a tarefa de construír unha saída revolucionaria a este sistema, enarborando sempre —como as brigadas médicas cubanas, cuxo enorme exemplo de solidariedade volveu a percorrer o planeta enteiro— os firmes principios do internacionalismo proletario.

Ir a Arriba