Aprendamos para aplicar, apliquemos para aprender!

2020-06-03T09:59:28+02:001 de marzo, 2020|Actualidade|

Descubrir a verdade a través da práctica e, novamente a través da práctica, comprobala e desenvolvela. Partir do coñecemento sensorial e desenvolvelo activamente converténdoo en coñecemento racional; logo, partir do coñecemento racional e guiar activamente a práctica revolucionaria para transformar o mundo subxectivo e o mundo obxectivo. Practicar, coñecer, practicar outra vez e coñecer de novo. Esta forma repítese en infinitos ciclos, e, con cada ciclo, o contido da práctica e do coñecemento elévase a un nivel máis alto. Esta é no seu conxunto a teoría materialista dialéctica do coñecemento, e esta é a teoría materialista dialéctica da unidade entre o saber e o facer.”

Sobre a práctica – Mao Zedong

Adoitamos confundir a formación militante co estudo de textos escritos por marxistas clásicos, chegando mesmo a darlle máis importancia á autoría que ó propio contido. Pero o que nos vai definir como cadros non van ser a cantidade de citas que sexamos capaces de memorizar ou a cantidade de libros que teñamos collendo po nas nosas casas, senón a nosa capacidade para desenvolver a liña política da mellor forma posible.

Para poder facer isto temos que abandonar a idea de que o marxismo-leninismo é un dogma e entender que é, entre outras cousas, un método de traballo. Un texto, unha frase, unha resolución,… non se poden entender sen ter en conta o seu contexto, sen ter en conta que foron escritos en base ó mesmo.

Temos que ter a comprensión lectora suficiente para poder ler, entender e analizar o contido de ditas obras e quedarnos coas argumentacións dos debates que se deron no pasado. Só así, e tendo en conta o acontecido antes e despois dos mesmos, poderemos extraer as leccións que nos dá a historia para poder actuar, a día de hoxe, da mellor forma posible.

Estamos nun momento no que o desenvolvemento da teoría xoga un papel motriz e determinante ó estarmos no contexto da reconstitución do movemento comunista internacional. Precisamente nun momento así debemos ter máis clara que nunca a unidade indivisible entre teoría e práctica. Medramos nun sistema que tamén se sustenta na división entre o traballo intelectual e o manual. Por mor disto, tendemos a reproducilo no eido da militancia. Como leninista debemos tender a superar esta contradición e implementar a teoría marxista do coñecemento da que fala Mao no texto citado.

Recitar unha cita, ler un libro, ter un debate, etc. é tirar o tempo se non somos capaces de aplicar o que aprendemos ou debatemos á nosa militancia diaria. O mesmo pasa se non analizamos os resultados da militancia ou se non podemos extraer leccións da nosa actividade. Non tiremos máis o tempo, aprendamos para aplicar, apliquemos para aprender!

Ir a Arriba