O tempo aprema. Non o invertamos en facerlle os reportes ó Estado!

2020-06-03T09:54:55+02:0019 de febrero, 2020|Actualidade|

[…] o estudo do mecanismo da Okhrana revélanos que a fin inmediata da policía é máis o de coñecer que o de reprimir. Coñecer para poder reprimir á hora sinalada, na medida desexada, se non totalmente. Fronte a este sagaz adversario, poderoso e disimulado, un partido obreiro carente de organizacións clandestinas, un partido que non oculta nada, fai pensar nun home desarmado, sen abrigo, situado na mira dun tirador ben parapetado. A seriedade do traballo revolucionario non pode habitar unha casa de cristal. O partido da revolución debe organizarse para evitar o máis posible a vixilancia inimiga; coa fin de ocultar absolutamente os seus resortes máis importantes; coa fin, nos países aínda democráticos de non estar a mercé dun bandazo á dereita da burguesía ou dunha declaración de guerra; coa fin de inculcar ós nosos camaradas hábitos de acordo a tales necesidades.”

O que todo revolucionario debe saber sobre a represión – Víctor Serge

Ó empregar tanto no noso día a día internet ou os teléfonos móbiles acabamos esquecendo algo que como comunistas deberiamos ter moi presente, isto é, que a “Okhrana” non desapareceu.

Habitualmente empregamos as redes sociais tanto a nivel persoal como dende as nosas organizacións e sen decatarnos caemos en dinámicas que nos prexudican enormemente. Á parte dos temas da dependencia ós “likes” ou a percepción distorsionada da realidade, durante o noso día a día facemos público os lugares que visitamos, as actividades que facemos, tanto de militancia coma persoais, os nosos estados de ánimo… e sen pretendelo estamos a cubrir os nosos propios ficheiros policiais.

A nosa ideoloxía, se estamos organizadas e de que forma, con quen estamos militando, se acudimos ou non a unha charla, manifestación ou concentración, cales son os puntos febles que poden ser empregados para sacarnos información no caso dun interrogatorio… todo isto é información que está sendo recompilada por funcionarios cuxo traballo é precisamente este coa fin de, como se enuncia na cita inicial, empregala cando sexa preciso.

Se ben é certo que dita información podería obterse por outros medios, isto non xustifica que debamos publicar toda a nosa vida en internet ó igual que a ningún militante comunista se lle ocorrería facer informes diarios sobre a súa actividade para deixar na comisaría local.

As redes sociais, como os teléfonos móbiles ou internet en xeral, son ferramentas que poden ser empregadas ou non, sempre en base a unha análise da realidade, o que hai que ter en conta son as limitacións que teñen do mesmo xeito que se considera o seu potencial.

A represión burguesa sempre vai actuar contra todas aquelas persoas e destacamentos políticos que actúen en contra da súa hexemonía. De nós depende como afrontar dita realidade: inconscientes e desorganizadas ou preparadas e con capacidade de resposta ata a toma do poder. O tempo aprema. Non o invertamos en facerlle os reportes ó Estado!

Ir a Arriba