As comunistas galegas temos que erguernos contra o Estado español

2020-06-02T19:44:46+02:0025 de julio, 2019|Actualidade|

«O congreso declara que está a favor do dereito completo á autodeterminación de todas as nacións e expresa as súas simpatías aos obreiros de todo país que sufra actualmente baixo o xugo dun absolutismo militar, nacional ou doutro xénero; o congreso exhorta aos obreiros de todos estes países a ingresar nas filas dos obreiros conscientes (dos que teñen conciencia dos intereses da súa clase) de todo o mundo, a fin de loitar á beira deles para vencer ao capitalismo internacional e alcanzar os obxectivos da socialdemocracia internacional»

Acordo do Congreso Internacional de Londres en 1896

Un século despois, dende 1919, continuamos neste país cada 25X denunciando a nosa opresión nacional. Un século cheo de aprendizaxes, das que hai que tomar boa nota se queremos avanzar.

Nas mobilizacións destes días participarán multitude de organizacións. Algunhas delas terán máis afinidade e outras menos, mais o factor común é que as comunistas non o faremos no noso Partido. Dispersas e confrontadas é tempo de que reflexionemos cara onde imos, se cara á autocompracencia militante ou cara a revolución proletaria, se nos quedamos coas siglas ou coa unidade de clase, se vale máis o orgullo persoal ou a arma máis poderosa do proletariado: o marxismo-leninismo.

Haberá quen acaba de comezar e as mobilizacións destes días serán as primeiras ás que vai, e tamén haberá quen teña anos de militancia de base, da man da frustración e a dor. Anos de desgaste para máis dunha comunista honesta, das conscientes de que baixo o capital, non cabe unha Galiza liberada. Pero anos de aprendizaxe.

É tempo de coller folgos e abrir o conflito sincero e dialéctico entre nós para unirnos, aplicar o aprendido. Trazar o camiño, marcar estratexia máis aló da impotencia reformista, construír o partido da nosa clase.

Loitemos por conseguir a completa independencia, organicémonos como comunistas para non só obter máis dereitos, senón para derrocar ó imperialismo.

Fronte ó Estado español, construamos o Partido!

Ir a Arriba